A Covid non conseguiu este ano frear a celebración do Día do Libro

Entrega de libros, concurso nas redes ou espectáculos entre as distintas actividades dos concellos da Mariña.

Unha usuaria, recollendo un libro. CEDIDA

Día cheo de actividades na Mariña con motivo do Día do Libro. Foron varios os concellos e institucións que organizaron distintas actividades para conmemorar esta xornada que se celebrou con certa normalidade a pesar da pandemia do coronavirus.
En Foz, levouse a cabo a tradicional feira do libro con firmas de autores locais como Antón Niñe, Xesús do Breogán, Ramón Reimunde e Paco Rivas. Xa durante a tarde foi a quenda das contacontos. Aldaolado fixo unha representación para adultos ás 20:00 horas na Sala Baía, no que puxo en escena A epístola de Aldaolado aos ” neofanlantes”, unha reflexión do estado actual da lingua galega e o seu futuro, contado todo a través do humor e a música. Este sábado 24, as mesmas artistas achegarán ao público infantil A ovella Engracia ás 18:30 horas tamén na Sala Baía.
Pola súa banda, o Concello de Viveiro estivo promocionando o mural de Rosalía realizado polo artista Van Kraft na entrada da Biblioteca Municipal, unha intervención que contou co apoio da Deputación de Lugo, a través da súa área de Cultura.
CONCURSO EN REDES SOCIAIS
Tamén o Concello de Cervo conmemorou este día cunha actividade virtual interactiva na que convidou a participar a todos os veciños e seguidores das plataformas virtuais municipais. As persoas só tiñan que recomendar a través das súas redes sociais un libro e citar unha frase que lles inspire que atopen entre as súas páxinas e etiquetar ao concello cervense en Facebook ou a @cervocultura en Instagram. Só por participar recibirán un artigo en pel confeccionado pola artesá local María Jul Rivas.
Por outra banda, a Deputación de Lugo fixo entrega aos municipios da provincia de 500 exemplares do libro Cen historias máxicas pola Mariña encantada, de Antonio Reigosa con ilustracións de Neira Broch e editado por Gráficas Lareira de Viveiro. O libro é un compendio de encantos, milagres, seres e lugares lendarios da comarca e foi repartido en diferentes bibliotecas e centros educativos da zona.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here